20 de xaneiro de 2016

CAZANDO O CAZAPO

Ultimamente víñalle dando voltas a un asunto que me preocupa. Moitas veces, en diferentes soportes, non deixo de observar erros na nosa lingua.
Propóñovos un traballiño de campo que nos pode resultar divertido: imos ser cazadores de cazapos por un tempo. Vouvos poñer algúns exemplos e tamén vos deixo o enlace dun blog en castelán que se dedica ao mesmo asunto (alumnado de ESO que se dedica a cazar erros ortográficos en todo tipo de soportes). Pica en SIC e accederás a el.
Aí van algúns exemplos que temos preto.


Cazado na estrada de Cesantes ao Viso: "cimeterio" no canto de "cemiterio" e "igresia" no canto de "igrexa".



Cazado en Redondela, na estrada nacional 550. "Centro urbano" sería o correcto e non "centro urbán". 


Cazado en Cedeira. Observade: "carnaval" está escrito con <b>; "día", "ás", "música", "túa" sen til; ademais do erro tipográfico "poer".

Agora espero as vosas achegas pero, para poder colgalas no blog, preciso que respectedes as seguintes normas:
- As fotos deben estar enfocadas.
- Deben ter unha resolución máxima dun mega.
- Debedes poñer o voso nome de pía, o curso e indicar o lugar da foto.
- A cazada debe estar corrixida.
- Se a falta non se ve a simple vista, pode sinalarse co dedo ou outro obxecto.
- Nas fotos non poden aparecer persoas.   

Enviade os vosos traballos ao correo: matinandonalingua@gmail.com